Monday 06 de May de 2024

A Xunta impulsa este verán 184 actuacións de 137 centros educativos da provincia da Coruña cun investimento de case 26M€


— Todas as actuacións enmárcanse no Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, a folla de ruta do Goberno galego para adaptar os centros ás necesidades do século XXI

— Do total, 48 son grandes actuacións como a reforma completa que se está levando a cabo neste centro de Ferrol cunha achega de máis de 780.000€

— Das restantes, 116 son pequenas reformas e melloras e 20 son instalacións de fotovoltaicas

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, acompañado pola delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, visitou hoxe o Instituto de Catabois, no que o seu departamento está a ultimar unha rehabilitación integral por importe de máis de 780.000€. Esta actuación enmárcase no paquete de obras que a Xunta de Galicia ten previsto acometer ou licitar este verán na provincia da Coruña, un total de 184 actuacións en 137 centros cun investimento de case 26M€.
Román Rodríguez sinalou que as obras inclúen “tanto ampliación de espazos, como actuacións encamiñadas á mellora de eficiencia enerxética, incluso coa colocación dunha vintena de instalacións fotovoltaicas na provincia”. Así mesmo, engadiu que, como é habitual, realizaranse nestes meses os traballos de pintura, pequenas melloras e reformas que os centros precisen, puntualizou. “A previsión é realizar o groso dos labores nestas datas estivais co fin de aproveitar o período non lectivo e causar o mínimo impacto na comunidade educativa”, engadiu.
Das obras previstas para a provincia, 48 son grandes actuacións (cun período de execución maior que o verán) como a que se está levando a cabo neste centro instituto ferrolán, cun orzamento que ascende aos 24M€ e ao abeiro das que se mellorarán as instalacións de 47 centros. No que atinxe ás pequenas reformas, son un total de 116 actuacións en 91 centros cun investimento de máis de 1,1M€

Tamén está previsto instalar unha vintena de fotovoltaicas noutros tanto centros, liña de actuación que conta cun investimento de máis de 560.000€.

Mellora da eficiencia e accesibilidade
A rehabilitación integral do Instituto de Catabois, que está xa na súa última fase, inclúe actuacións encamiñadas á mellora da eficiencia enerxética, como a aplicación de illamento térmico polo exterior tipo SATE, a renovación de toda a carpintaría –229 unidades entre portas e fiestras– ou a instalación de novas luminarias. Así mesmo, múdanse os falsos teitos das aulas nos que é preciso e colócanse novos canos e baixantes. Ademais, acométense obras de accesibilidade polo acceso traseiro para poder saír do edificio e chegar á pista de xogos.

Esta obra súmase a outras grandes actuacións que a Consellería de Educación está levando a cabo no concello de Ferrol como a instalación dun ascensor no colexio de Pazos ou a rehabilitación integral do colexio Almirante Juan de Lángara y Huarte. Todas elas, tal e como explicou o conselleiro, “forman parte do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, a folla de ruta coa que o Goberno galego está a modernizar as instalacións dos colexios e institutos para adaptalas ás necesidades do século XXI”.

Este plan, cunha inxección inicial de 191M€, foi ampliado ata os 243M€ para facer fronte ás necesidades dos centros educativos, suma na actualidade 421 grandes obras, das que 223 están xa executadas e 111 actuacións que están actualmente en marcha ou a piques de ser licitadas.